O Concello de Ponte Caldelas recibiu o seu nome seguramente da antiga ponte sobre o río Verdugo e das súas augas termais sulfuroso-sódicas. Crese que cando os romanos melloraron Pontevedra fixérono tamén a Ponte Caldelas.
A vila foi patrimonio da catedral de Santiago de Compostela, dándolle Gelmírez privilexios e franquías. Conta a tradición que a famosa raíña Lupa ou Loba que perseguiu aos discípulos do Apóstolo Santiago foi natural desta vila ou residiu nela, o que se se puido constatar é que en 1.126 o rei Alfonso VII concedeulle o título da Moi Leal.
Así mesmo na Guerra da Independencia o mariscal Soult foi derrotado nas inmediacións de Ponte Caldelas ao pasar cun exército de 20.000 homes, e desde entón agregouse ao escudo deste Concello, que formaba a ponte sarmentado, unha cruz en honra das vítimas desta batalla, librada na ponte que lle da nome en 1809.
No período preconstitucional chegaron a funcionar os concellos de Caldelas, Tourón e A Insua.
Xa no proceso de establecemento constitucional dos concellos, este territorio foi integrado no partido xudicial de Caldevergazo ou A Lama, que logo no ano 1845 cambiaría a súa denominación e capitalidade por Ponte Caldelas; será no ano 1836, dentro da planificación definitiva para o antedicho partido xudicial, cando se establece o concello de Caldelas.
Esta denominación modificouse pola de Ponte Caldelas en 1845 coincidindo coa adxudicación da capitalidade do partido xudicial; inicialmente, aínda co mesmo territorio que hoxe, estaba formado por oito parroquias, ás que se engadiría no ano 1868 a de Caritel, segregada da de Santa Eulalia de Ponte Caldelas.